O mexillón faise delicatesen na súa festa de exaltación de Cabo


LA VOZ DE GALICIA 22-08-2011

Máis de tres mil racións repartíronse entre os asistentes


Cando un produto non é novo, senón cotián, tende a perder adeptos. Pero no caso do mexillón, alimento de tradición na ría arousá, os fieis multiplícanse cada ano. Unha situación que se puido comprobar sobre o terreo con motivo do décimo aniversario da festa de exaltación deste molusco que se celebra en Cabo e que onte viviu o seu día grande. E é que con motivo do festexo culinario, este alimento mostrou, grazas ao enxeño dos restaurantes colaboradores, os seus perfís máis coquetos e sofisticados.

A organización do evento explicou que se repartiron preto de 3.500 racións de cinco formas diferentes. O restaurante Chicolino presentounos en brochetas e á vinagreta. Don Paquito, pola súa banda, decantouse por elaborar un paté con este produto que tivo un gran éxito entre os miles de visitantes que de todas as idades encheron a carpa. Mentres, Miramar apostou pola empanada e unha salsa que bautizaron como americana.

Joaquín Ozores, integrante e portavoz da organización explicou que os prezos populares axudaron a que esta edición fose unha das máis concorridas e exitosas. E é que por oito euros, os amantes deste produto gozaron dun menú degustación coas cinco variedades preparadas polos tres restaurantes locais, e ademais recibían un prato conmemorativo do décimo aniversario.

A tradicional presentación ao vapor deste nutritivo alimento non quedou fóra da festa, xa se despacharon ata cincocentos quilos de vianda, sendo o peso aproximado do produto despachado coa cuncha incluída de seis toneladas. Unha cantidade que fixo falta para saciar o apetito das máis de cinco mil persoas que onte non faltaron a esta xa clásica cita gastronómica.

No hay comentarios:

Publicar un comentario