ENTREVISTA A JOSÉ OJEA

«O que máis sentín foi deixar a agrupación de mexilloeiros, daquela afectoume moito»

Despois dunha vida enteira dedicada ao mar, José Ojea Triñanes recibirá unha homenaxe do sector bateeiro

Marta Gómez-La Voz de Galicia - 7/8/2010

«Despois de toda unha vida loitando polo sector, claro que a un lle gusta que lle recoñezan esa labor». Este é o sentir de José Ojea Triñanes, un home ben coñecido en Cabo de Cruz, sobre todo entre os profesionais do mar, cando as asociacións de mexilloeiros que organizan a festa de exaltación do bivalvo acaban de anunciar que a celebración incluirá unha pequena homenaxe dedicada a el. Orgulloso deste recoñecemento e do traballo desenvolvido, Ojea bota unha ollada ao pasado dende o seu recuncho favorito: o peirao crucense e a sede da Asociación de Mexilloeiros de Cabo de Cruz (AMC).

Tiña 14 anos cando comezou a traballar no sector bateeiro, pero a súa vida estivo sempre ligada á ría: «Toda a miña familia vimos do mar. A min, con 11 anos, xa me tocou ir a pescar nun barco do cerco que tiñamos. Aínda traballaban con nós uns 15 homes, porque o meu pai coñecía moi ben o mar e gañaban catro patacóns. Logo fomos empezando pouco a pouco co mexillón».

Sobre o presente do sector non opina demasiado porque «eu xa deixei todo iso», pero sobre os seus inicios na localidade ten moito que dicir. Un tío seu foi o primeiro presidente da AMC, e logo el tomou o relevo nun posto que ocupou seis anos.

Desa etapa conta un bo número de anécdotas, moitas delas relacionadas con cuestións tan importantes como as xestións para a construción do actual peirao, algo no que, segundo di, tivo moito que ver a intervención de María Victoria Fernández España. «Ela fixo moito por Cabo de Cruz, con ela empezamos a mirar polo tema do muelle, porque non tiñamos», comenta José Ojea quen, no que respecta ás obras que se están a executar para ampliar la dársena, limítase a dicir: «O que me interesa é que o porto quede ben».

Sector unido

Logo, fala tamén da unidade do sector. Conta que, nos inicios, cada un ía por libre pero que chegou un momento no que «houbo que xuntarse porque, se non, a xente tiña que vender ao prezo que querían as fábricas e as depuradoras». Froito desta unión naceu a AMC: «Antes o sector estaba unido, pero logo viñeron os desacordos e creáronse outras agrupacións».

O paso de Ojea pola presidencia do colectivo crucense rematou, segundo confesa, con un pequeno «fracaso» que o levou a dimitir e dedicarse «a mirar pola miña vida». A asemblea rexeitara a posibilidade de mercar unha conserveira que contraera unha gran débeda con eles a pesar de que tiñan garantidas as vendas a un importante grupo francés, de aí que, decepcionado, decidise deixar o mando da asociación. «O que máis sentín foi deixar a agrupación, daquela afectoume moito».

Foi así como puxo en marcha unha depuradora que segue a funcionar xestionada polos seus fillos mentres el se dedica a pasear polo seu rincón. «Ata non hai moito, gustábame ir ás lonxas a mirar, pero agora vou ata Boiro ou baixo aquí a pasear polo peirao, pero non me gusta moito porque empeza todo o mundo a falarme do mexillón e xa non quero saber nada diso», confesa.

VER ENTREVISTA ORIXINAL EN LA VOZ DE BARBANZA