DEGUSTADAS PRETO DE OITO TONELADAS NA IX EDICIÓN

Unhas 6.000 persoas esgotaron o mexillón preparado para a festa crucense

En todo o fin de semana servíronse na dársena de Cabo de Cruz preto de oito toneladas de bivalvo

Marta Gómez-La Voz de Galicia - 24/8/2010

A novena edición da Festa de Exaltación do Mexillón de Cabo de Cruz logrou ata superar as expectativas máis optimistas dos organizadores. Durante todo o fin de semana, pola dársena crucense pasaron unhas seis mil persoas que deron boa conta de todo o bivalvo cociñado para a ocasión.

En función das racións servidas, os responsables da cita gastronómica cifran entre 5.500 e 6.000 o número de comensais que se achegaron á localidade crucense entre o sábado e o domingo. Aínda que a xornada dominical, por ser o día principal da celebración, foi a que congregou na localidade a un maior número de persoas, con todo, os organizadores mostrábanse sorprendidos pola cantidade de público que tamén se deixou ver en Cabo de Cruz o sábado. A última hora da tarde cociñáronse dúas paellas xigantes e houbo tamén degustación de mexillóns, e non sobrou absolutamente nada.

«Empacho»

E se o sábado «foi incrible a xente que houbo», desde a agrupación de mexilloeiros falaban de «un empacho» de visitantes na xornada do domingo. O bivalvo que se serviu en distintas preparacións esgotouse por completo e o aparcadoiro habilitado no peirao de Cabo de Cruz quedou pequeno para dar cabida a tantos coches.

En canto ao marisco, cociñáronse 2,5 toneladas de mexillón ao vapor e máis de 4.000 quilos noutras tres preparacións. De servir todo isto encargouse un exército de voluntarios integrado por máis de medio centenar de persoas ás que os administradores agradeceron a súa colaboración para que a novena Exaltación do Mexillón de Cabo de Cruz fose un éxito: «Queremos agradecer a todos vos voluntarios que axudaron na festa, moitos nin sequera tiñan nada que ver co sector».

En canto á inauguración oficial, contou coa presenza do subdelegado do Goberno, José Manuel Pouse; a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e do presidente de Portos, José Álvarez-Campá, e serviu para homenaxear a José Ojea, nomeado presidente de honra da festa e a quen se lle deu unha placa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario