PRESENTACIÓN DA EDICIÓN DO 2012

A FESTA DA EXALTACIÓN DO MEXILLÓN DE GALICIA EN CABO DE CRUZ, COINCIDIRÁ UNHA VEZ MAIS, CA REGATA DE TRAINERAS DO CONCELLO DE BOIRO.



A festa do mexillón renóvase

Cabo de Cruz será, máis que nunca, capital do bivalvo o 19 de agosto

Dieste (no centro) presentou o programa xunto a representantes das agrupacións mexilloeiras. S.?B.
A asociación encargada de organizar a Exaltación do Mexillón de Galicia sufriu unha profunda renovación este ano que se verá reflectida na undécima edición da festa gastronómica, que se presentou onte en Boiro. Por máis difícil que pareza, a celebración, que este ano terá lugar o próximo día 19, promete sorpresas tanto na forma como no fondo.
David Places, integrante da Asociación Virxe do Carme de Abanqueiro, explicou que tanto a presentación como a preparación do bivalvo será completamente nova, aínda que a organización prefire non dar pistas e quen queiran saber que máis pode dar de si un produto cociñado de todos os xeitos posibles terá que achegarse ao porto de Cabo de Cruz o día 19.
Tras a disolución do anterior equipo encargado de organizar unha cita que supera xa a década de existencia, os presidentes das diferentes agrupacións mexilloeiras de Boiro -Amebarraña, A Marxa, Agrupación de Mexilloeiros de Cabo de Cruz e Asociación Virxe do Carme de Abanqueiro- uníronse para dar continuidade a unha festa que converte á localidade crucense, máis que nunca, en capital do bivalvo. Así o destacou o alcalde boirense, Juan José Dieste, na presentación de onte: «Estou orgulloso da iniciativa destas agrupacións para forman unha nova directiva da Exaltación do Mexillón que é un exemplo para o sector».
Cinco toneladas e media
O formato da festa gastronómica será distinto «tanto na presentación como na elaboración do produto», pero o que non cambiará é a calidade do bivalvo que se servirá na carpa que vai instalarse para a ocasión na chaira portuaria. En canto á cantidade, está previsto distribuír entre os centos de persoas que se espera que, como cada ano, abarroten Cabo de Cruz un total de 5,5 toneladas de mexillón, 3,5 en fresco e o resto en vianda.
Traducido a racións, esta cantidade servirá para encher os estómagos de entre dous e tres mil comensais, co que, se todo transcorre segundo o previsto, ao Exaltación do Mexillón de Galicia logrará un novo abarrote na dársena crucense.
Autoridades
Quen seguro estarán, salvo imprevisto, na localidade boirense segundo confirmou o alcalde serán a conselleira do Mar, Rosa Quintana, fiel á cita co bivalvo das bateas arousás; o presidente de Portos, José Juan Durán, e a delegada territorial da Xunta, Belén do Campo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario