3ª XORNADA DA MOSTRA DO MEXILLÓN


O mexillón triunfa en Cabo nun dos seus peores momentos
Nunhas dúas horas chegaron a despacharse máis de 1.500 racións
LA VOZ-X. NOAL

Coa Mostra do Mexillón de Galicia concluíron onte tres xornadas nas que Boiro se envorcou cun bivalvo ao que o alcalde, Juan José Dieste, cualificou de estratéxico na economía local, en tempos difíciles polo proceso tóxico que vén padecendo desde hai tempo. O broche non puido ser mellor, porque en pouco máis de dúas horas despacháronse no porto de Cabo de Cruz máis de 1.500 racións da vianda preparada de catro formas: ao natural, en ensalada de mar con ajada, en ensalada de verduritas e en crujiente panco (pan xaponés). Esta última variedade foi a que máis chamou a atención dos asistentes, tanto polo seu delicioso sabor como pola súa presentación.
Nada máis concluír as regatas de traiñeiras, as instalacións da cita gastronómica abarrotáronse. O público quedou pampo cando viu a elegancia da carpa que, por primeira vez, contou con mesas altas e taburetes, nunha parte, e mesas simulando caixas de peixe e redes, na outra.
As autoridades asistentes, entre outras, o alcalde de Boiro, Juan José Dieste; o secretario xeral de Mar, Juan Carlos Maneiro; o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán; rexedores da comarca e deputados galegos, percorreron as instalacións saudando aos comensais.
Previamente, o dirixente mexilloeiro Óscar Manuel Domínguez Lojo, en representación do sector, agradeceu ao mandatario boirense o empeño que puxo para que a festa gastronómica se celebrase: «Non está sendo este un bo ano para nós, polos condicionantes biolóxicos, por iso máis que nunca debemos volcarnos nesta celebración. Temos o mellor mexillón do mundo, e o mellor tecido productivo e é a nosa obriga explotalo», sinalou Domínguez.
Juan José Dieste, pola súa banda, dixo que o mexillón forma parte «da nosa historia, do noso patrimonio culinario, é unha filosofía de vida, por eso non queremos escatimar esforzos, e seguiremos traballando arreo na promoción deste extraordinario recurso natural que a nosa situación estratéxica nos ofrece».
O alcalde engadiu que Boiro é unha potencia marítima e que a festa de exaltación prestigia ao municipio: «Cabo de Cruz é testemuña das miles de persoas que nos visitan cada ano. Co esforzo de todos, durante estos tres días conseguimos que Cabo, Boiro, o noso mar e os seus produtos estivesen de boca en boca como referentes. Como alcalde comprométome a seguir apoiando o tesouro máis prezadas nosas rías»

No hay comentarios:

Publicar un comentario