VIDEO PUBLICADO POR http://www.tv27barbanza.com



O Mexillón Convertiuse No Gran Protagonista Desta Fin De Semana En Cabo De Cruz

A Exaltación do Mexillón de Galicia celebrouse esta fin de semana por décimo quinto ano consecutivo en Cabo de Cruz. Moitos temían que este ano se precipitase a afluencia ao non coincidir coa regata de traiñeiras, mais resultou todo un éxito. O molusco serviuse por toneladas e estiveron a piques de esgotar existencias, a pesar de ser empregados 4.000 quilos de bivalvo para a súa elaboración.

Fronte á lonxa de Cabo de Cruz reuníronse centos de persoas co propósito de saborear o mexillón da ría de Arousa a través de catro receitas preparadas polo chef Miguel Mosteiro. Nesta ocasión, ademais dos mexillóns ao vapor e como recheo de empanadas, serviuse tamén unha ensalada a base do molusco con picatostes, aliño e noces, así como un humus de garavanzos e mexillón. Este último acabou converténdose no prato estrela.

Para moitos resultou unha tarefa bastante complicada atopar unha mesa libre de cara ao mediodía, pois a carpa estaba chea. De feito, calcúlase que ao longo da xornada acudiron a esta festa gastronómica máis de tres mil comensais. Para atendelos, un equipo dunhas trinta persoas estivo traballando desde as 08:00 da mañá co obxectivo de deixalo todo listo e dar saída ás máis de 1.400 bandexas que se distribuíron.

A inauguración deste evento tivo lugar o domingo a partir das 12:30 do día. Alí estiveron presentes o alcalde de Boiro, Juan José Dieste, o director xeral de Pesca, Juan Maneiro, e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, entre outras autoridades.

Mais a cita arrancou xa na noite do sábado coa repartición de oitocentas racións de paella que invadiron as mesas dispostas na explanada do porto crucense.

O Concello de Boiro organizou esta festa coa colaboración da Deputación e o respaldo da denominación de orixe de Mexillón de Galicia, así como das asociacións locais A Marxa, Amebarraña e Virxe do Carme.

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada